Día 2 da nosa experiencia Erasmus+:
Nesta segunda xornada da nosa aventura Erasmus+, o equipo da EPAPU do Pereiro de Aguiar continúa a súa estancia no centro Qualifica de Gafanha de Nazaré cunha nova inmersión de formativa.
Despois dunha primeira toma de contacto no día anterior, hoxe tocou ver de preto como traballan os docentes de educación de adultos no seu día a día. O currículo non é algo ríxido e inamovible, senón que se adapta ás necesidades reais do alumnado.
O máis chamativo foi a súa metodoloxía, baseada no desenvolvemento e validación de competencias a través do chamado “proxecto persoal de vida”. Si, así, tal cal soa: aprender con sentido, con obxectivos reais e conectando coa vida de cada persoa.
Tivemos tamén a oportunidade de asistir a varias aulas e sesións de traballo con alumnado adulto, onde puidemos comprobar como o profesorado leva todo isto á práctica. Estratexias diversas, moita implicación… e bastante máis dinamismo do que un podería imaxinar antes de tomar o primeiro café da mañá.
Outro dos momentos estrela do día foi a “palestra”, unha actividade na que un exalumno comparte a súa experiencia co alumnado máis novo. Nesta ocasión, Roberto falounos da súa profesión como perruqueiro e do seu hobby como coleccionista de moedas. Un exemplo perfecto de que se pode cortar o pelo, coleccionar historia e, polo camiño, sacar o graduado escolar. Todo á vez. Case nada.
Por suposto, non todo foi “traballo duro” (que tamén). Houbo tempo para momentos máis relaxados, como unha comida institucional, unha pequena visita por zonas de interese local e, atención, unha merenda que xa quedará na nosa memoria (e probablemente tamén nas nosas básculas): leite creme, ovos moles e bolachas de nata. Digamos que a aprendizaxe foi… integral.
Cómpre destacar, unha vez máis, a calorosa acollida que estamos a recibir desde o primeiro momento. Non só nos fan sentir como na casa, senón que case nos fan dubidar de se queremos volver. Estanse a crear vínculos moi especiais entre o profesorado local e o noso equipo, algo que sen dúbida levaremos connosco.
E o mellor de todo: isto aínda non rematou. Queda unha xornada máis por diante, así que seguimos con ganas de aprender… e de ver que nos teñen preparado (e, sendo sinceros, tamén de descubrir que doce nos toca probar).
Continuará…



Ningún comentario:
Publicar un comentario