Peche dunha experiencia Erasmus+: aprendizaxe, emocións e un “até ja”
E case sen darnos conta… chegamos ao final. Pero non a un final calquera, senón a deses que deixan bo sabor de boca, aprendizaxes reais e, sobre todo, ganas de repetir.
Un dos momentos máis interesantes deste último día foi a visita a unha sesión de RVCC con Carlos Ferreiro, nas instalacións dos bombeiros voluntarios. Alí puidemos ver en directo como se traballa o proxecto de vida co alumnado adulto de nivel B2. Máis alá dos contidos, o que realmente nos chamou a atención foi a implicación do alumnado, a maneira en que conectan a súa experiencia vital coa aprendizaxe.
Seguimos a xornada cunha visita á feira de emprego na Casa da Cultura de Ílhavo, un espazo cheo de movemento, oportunidades e moita interacción. Empresas públicas e privadas ofrecían información e posibilidades reais de inserción laboral, pero temos que dicilo: o stand do Centro Qualifica de Gafanha de Nazaré destacaba especialmente. Dinámico, atractivo e cunha oferta formativa que espertaba interese constante entre os asistentes. Un exemplo claro de como conectar formación e realidade laboral. Muito Giro!
Neste mesmo contexto tivemos tamén a oportunidade de coñecer á vicepresidenta da Cámara de Ílhavo, nun encontro que puxo en valor a importancia da colaboración institucional e o apoio aos proxectos educativos e de empregabilidade na rexión.
Despois tocou compartir mesa —porque tamén se aprende arredor dunha boa comida— coa maior parte do equipo do Qualifica. Entre risas, anécdotas e ese ambiente tan próximo que nos acompañou durante toda a semana, fomos consolidando algo máis que unha experiencia profesional. Foi, sen dúbida, un momento de equipa, de “partilha”.
Un paseo tranquilo por Ílhavo levounos despois ao Museo Marítimo, onde nos achegamos á tradición mariñeira da comarca e á importancia histórica do bacallau na súa economía. Cultura, identidade e historia que nos axudan a comprender mellor o contexto no que se desenvolve o seu proxecto educativo.
E como broche perfecto, a visita á Costa Nova: as súas casas de cores, case de postal, fotos aquí e alá… e, por suposto, unha parada obrigada para probar as famosas natas da cafetería Atlântida. Pequenos praceres que tamén forman parte da experiencia.A xornada —e a mobilidade— rematou cun solpor na praia. Un deses momentos que non precisan moitas palabras. A despedida foi emotiva, sincera, con abrazos e cun “até ja” que soa máis a promesa que a despedida definitiva. Porque si, queda aberta unha porta: a de reencontrarnos en Ourense.
Antes de pechar esta experiencia, recibimos tamén un certificado que acredita a finalización da nosa mobilidade Erasmus+, un pequeno gran símbolo de todo o vivido, aprendido e compartido ao longo destes días.
Así, a EPAPU de Pereiro de Aguiar pecha a súa experiencia Erasmus+ dunha maneira excepcional. Cumpríronse os obxectivos, pero levamos moito máis: ideas, acción, novas perspectivas e a certeza de que a educación de persoas adultas segue avanzando grazas ao compromiso de equipos como o do Centro Qualifica de Gafanha de Nazaré e ao proxecto Erasmus+, o cal creou unha ponte sólida para a mellora do noso proxecto educativo.
Obrigado por todo, pola vosa acollida, polo voso traballo e por compartir tanto connosco. Porque, ao final, proxectos como Erasmus+ fan que a educación sexa máis aberta, máis integradora… e, sen dúbida, máis europea.
Até a próxima Gafanha!
Raúl e Mar



Ningún comentario:
Publicar un comentario